A historia do Sorteo Extraordinario de Nadal de Lotería Nacional fai con que sexa unha das tradicións máis estendidas no noso país. Por iso ten unha longa traxectoria chea de tradición e nostalxia. O sorteo forma parte do noso Nadal, a súa historia tráenos infinidade de lembranzas e é símbolo de ilusión e boa sorte. Por iso, vexamos algunhas das datas máis destacadas:
1812 – Celébrase o primeiro sorteo da lotaría nacional. Ese ano, o prezo do billete foi de 40 reais e o “Gordo” de 8.000 pesos fortes.
1832 – Emitíronse 12.000 números. Os considerados "baixos" eran os comprendidos entre 1 e 4.000, os "medianos" do 4.001 ao 8.000, e os máis "altos" atopábanse entre o 8.001 e o 12.000.
1837 – Dánse dous primeiros premios de igual contía.
1892 – O sorteo celebrado durante as datas do Nadal comeza a chamarse “Sorteo de Nadal”. O Sorteo de Nadal dese ano celébrase o 23 de decembro.
1897 – Inclúese nos décimos o título “Sorteo de Nadal”.
1938 – Celébranse dous sorteos, un en Barcelona e outro en Burgos, como consecuencia da Guerra Civil.
1942 – Comezan a imprimirse os billetes na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.
1957 – Celébrase o primeiro sorteo televisado da historia. Ata entón seguíase pola radio ou se lía na prensa.
1974 – Informatízanse os sorteos de Lotería Nacional.
1984 – Por primeira vez na historia do sorteo participan nenas, xa que o Colexio de San Ildefonso pasa a ser mixto.
2002 – O sorteo cántase en euros por primeira vez.
2006 – Estrénase un bombo con maior capacidade de bólas.
Os nenos da sorte
Os nenos do Colexio de San Ildefonso son, probablemente, os máis agardados no Sorteo de Nadal. Son os encargados de cantar os números agraciados e todos agardan que entre as súas mans estean os números que os fagan millonarios.
O Colexio de San Ildefonso ten unha longa tradición que data do ano 1543, ano no que Carlos V concedeu unha Real Cédula que dotaba ao Colexio dos bens precisos para atender aos seus fins.
Desde o 9 de marzo de 1771, os nenos do Colexio son os encargados de cantar os números dos sorteos de Lotería Nacional. En concreto, a primeira intervención da historia do Colexio correspondeulle ao neno Diego López. Segundo relatan desde a asociación de antigos alumnos, “(…)tomando ao azar unha delas (as bólas) canta o número cun divertido ton e, tras amosala publicamente, achégaa aos beizos e dalle un bico tenro…”.
Case dous séculos despois, no 1984, participan nenas por primeira vez na historia do Sorteo de Nadal debido a que o Colexio pasa a ser mixto.