Último acceso: Sesión: - Último acceso:

Principios

INFORMACIÓN XERAL SOBRE XOGO SEGURO E OS POSIBLES RISCOS DO XOGO

O xogo

O xogo é unha experiencia que se incorporou como unha actividade máis entre as actividades de lecer, sen ningún tipo de problemas para a maioría das persoas e cunha importante aceptación social. Non obstante, da mesma maneira que o consumo de alcohol pode levar ao alcoholismo ou o consumo recreativo de drogas á drogadicción, a participación en actividades de xogo, polo menos nalgún tipo de xogos, pode levar a un grupo pequeno de suxeitos vulnerables ao xogo problemático ou ao xogo patolóxico, cuxas consecuencias van alén da persoa directamente afectada para influír na familia, o medio laboral e a sociedade.
As investigacións ao respecto salientaron que estes problemas co xogo non se reparten ao chou, senón que gardan unha importante relación co tipo de xogos e co grao de perigosidade destes, así como co comportamento dos propios xogadores.
SELAE é consciente de que o xogo pode ser un problema para unha pequena parte dos xogadores en materia de seguir unha conduta adictiva. Por iso SELAE promoveu un modelo de xogo centrado en xogar responsablemente  e na protección dos menores e dos grupos vulnerables. Polo tanto, SELAE promove dentro de todos os seus procesos  de negocio (desde o deseño ata á venda) as mellores prácticas no Xogo Responsable da European Lotteries. SELAE regularmente é auditada por unha entidade externa para garantir dunha forma independente que cumpre con estas boas prácticas.
Que é o xogo patolóxico?
O xogo patolóxico é un trastorno de conduta, recoñecido como tal pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Esta, no ano 1992, definiu o xogo patolóxico como un trastorno caracterizado pola presenza de frecuentes e reiterados episodios de participación en xogos de apostas, que dominan a vida da persoa doente en prexuízo dos seus valores e obrigas sociais, laborais, materiais e familiares; esta conduta persiste e acotío increméntase a pesar das consecuencias sociais adversas, tales como perda de fortuna persoal, deterioración das relacións familiares e situacións persoais críticas.
No ano 2013, a Asociación Americana de Psiquiatría (APA en inglés) estableceu a ludopatía como unha adicción sen substancia, polas súas similitudes na expresión clínica, orixe, comorbilidade física e tratamento co resto de adiccións ao alcohol, tabaco e ás drogas ilegais.
As persoas con este trastorno adquiriron un hábito do cal non se dan desprendido e o pracer de xogaren tórnase para eles unha sensación de malestar e seguen a xogar a pesar de repetidos esforzos para controlar, deter ou diminuír o seu comportamento.
Sinais de condutas de risco.
Existen determinados sinais que nos alertan de ter unha conduta de risco con respecto ao xogo; entre elas observamos:
1. Estar frecuentemente preocupado polo xogo.
2. Necesidade de xogar cantidades crecentes de diñeiro para lograr a excitación desexada.
3. Inquietude ou irritabilidade cando se intenta interromper ou deter o xogo.
4. Fracaso repetido para controlar, interromper ou deter o xogo.
5. Utilización do xogo como vía de escape dos problemas ou alivio do malestar emocional.
6. Intentar repetidamente recuperar o diñeiro perdido no xogo.
7. Mentir para ocultar o seu grao de implicación no xogo.
8. Arriscou ou perdeu relacións interpersoais significativas, oportunidades de traballo e educativas ou profesionais por causa do xogo.
9. Apoio económico reiterado por parte da familia e dos amigos.
No caso de se ver reflectido en 4 ou máis dos sinais anteriormente indicados debería acudir a un especialista para que o poida axudar.
Impacto do xogo problemático
  • Económicos
    • Perdas económicas/débedas.
  • Emocionais
    • Tristura, ansiedade, depresión ou irritabilidade.
  • Familiares.
    • Rupturas, separacións e divorcio.
  • Laborais/académicos.
    • Diminución do rendemento. /Faltas inxustificadas.
  • Sociais
    • Desatender as súas amizades/ruptura de relacións.
  • Legais
    • Roubos, estafas ou outras actividades delituosas.
Mitos e verdades sobre o xogo
MITO: «Se sigo a xogar, a miña sorte mudará e poderei recuperar o diñeiro que perdín».
VERDADE: As posibilidades de gañar non mudan aínda que xoguemos máis, dado que o resultado cada vez que xogamos é independente das apostas realizadas anteriormente: as túas posibilidades de gañar non cambian co tempo.
MITO: «Por pouco acerto, a próxima vez gañarei».
VERDADE: O resultado que se obterá por unha aposta non se ve  afectado por ter estado a piques de acertar anteriormente.
MITO: «Se fago a miña aposta neste punto de venda, ou con este bolígrafo, teño máis posibilidades de gañar».
VERDADE: O resultado do xogo NUNCA vai en función das nosas supersticións».
MITO: «O meu coñecemento sobre os números que saíron aumenta as miñas posibilidades de gañar».
VERDADE: Nos xogos de números, o gañar só depende da sorte, non dos nosos coñecementos ou habilidades.
Que é o Xogo responsable?
Son aquelas boas prácticas, medidas e ferramentas que os operadores poñen en funcionamento co fin de reduciren ou eliminaren os impactos negativos que o xogo causa nalgunhas persoas e, en especial, nos grupos máis vulnerables.
O compromiso de Loterías co xogo responsable vese reflectido na implantación das mellores prácticas de xogo responsable e nas medidas implantadas. Desde o ano 2013, Loterías está certificada no estándar de boas prácticas de Xogo responsable da Asociación de Loterías Europeas (European Lotteries, EL). Anualmente é auditada por unha entidade externa para verificar o cumprimento de dita Asociación.

 

https://www.european-lotteries.org/certified-lotteries-0

O modelo de xestión de Xogo responsable de Loterías segue os dez apartados definidos no Estándar de Xogo responsable de EL: Investigación, formación a empregados, formación a axentes de vendas, deseño de xogos, canles de xogo remoto, publicidade e mercadotecnia, derivación a servizos tratamento, información a xogadores, diálogo con grupos de interese, información e certificación.

Estándar de Juego Responsable Asociación de Loterías Europeas

https://www.european-lotteries.org/european-gaming-standards